No estudio de Edu Albo

Cando entras no estudio dun artista como Edu Albo, non entras nun lugar calquera. Así como pos un pé dentro dese local, aparentemente inofensivo, tes a sensación de gozar do permiso dalgún deus para estar onde ningún outro mortal pode estar. Porque o que alí pasa, queda alí; porque aínda que cho contasen non o crerías. E non me refiro a repasar no Spotify a música que nos gusta, a falar da vida e as súas miserias ou a tomar latas de cervexa ás once e media da mañá (tecnicamente, case mediodía), senón ao que ti sentes que está a pasar.

Edu abre as súas portas coma quen che deixa pasar diante na cola do súper, sen darlle importancia. Tiven a sorte de que me coincidiu traballando, el, nunha obra realmente fermosa e fun espectador da maxia que se produce cando a creatividade viaxa desde a súa mente até plasmarse no cadro.

Nesta secuencia de imaxes tentei rexistrar o que vivín ese sábado pola mañá: as ferramentas, as bágoas de centos de pinturas diferentes manchándoo absolutamente todo, as obras rematadas e as por rematar, o aroma do café, a música que estaba a preparar para a súa pinchada na Gata, a marabillosa conversa e, por riba de todo, Edu indo dun lado ao outro, mirando na pantalla do portátil a realidade que se propuxera converter nunha obra de arte. E eu alí, mirándoo a el.