Can-aradas

A palabra camarada facía referencia á relación de amizade (ou de dependencia) que existía entre os soldados que compartían unha mesma cámara. Máis tarde, a partir da Revolución Rusa, utilizarase como alternativa igualitaria no tratamento entre as persoas. Hoxe en día, se o buscamos nun dicionario, veremos que se define como «persoa coa que se comparten ideas, actividades ou experiencias». Se lle aplicamos o concepto igualitario coa que naceu o termo, poderiamos mesmo definila como «ser vivo co que compartimos ideas, actividades ou experiencias» e, xa postos, afecto, casa e vida.

Talvez estea equivocado, pero penso que hai poucos animais que transmitan tanto coma un can. Non dubido que calquera de vós pensará o mesmo doutro animal, porque non dubido que calquera deses seres aos que denominamos mascotas son capaces de poñer o noso mundo do revés cun temporal de amor desinteresado.

Quixen recoller neste artigo unha serie de imaxes de retratos e de parellas e grupos de camaradas, compartindo un café, unha terraza ou un paseo. Espero que atopedes nos seus rostros, na súa mirada, esa dose de humanidade que moitas veces nos falta.