Ama a todos, confía en pocos, no hagas daño a ninguno.

William Shakespeare.

se vienen curvas….

Crear, esa experiencia gratificante-mente masoquista tinguida de ego e loucura na que a redención é o prezo e a penitencia o obxectivo.

Achar a cor das palabras

trazar o bisbar dos versos 

esluírse na metáfora

de pintar no ar… o silencio. 

Inserir na voz da imaxe

a quietude en movemento 

enfeitizada na éxtase

da fecundación do lenzo. 

Desmembrarse na colaxe 

espirse de fóra a dentro 

ciscar nun plano invisíbel 

o sangue feito relevo. 

Atopar na luz das sombras 

canto en si garda o baleiro 

e coas pálpebras vencidas 

ver ao través dun reflexo. 

Arrincar da inmensidade 

ese ton non descuberto

e darlle vida coas mans 

grávidas de sentimento. 

Corar sorrisos e bágoas 

quietudes e desesperos 

acenos logo de apertas 

lapas nas cinsas do xeo. 

Imaxinar imposibles 

cernándolles o prefixo 

baixar o universo enteiro 

a este caldeiro de lixo. 

Esgotar tódalas forzas

na procura do suplicio

de sentirse posuidora

dun don ás veces maldito.

Tal que así…

Coa ollada franca e na alma 

o tento morno da arxila 

percorre Gosia o camiño 

dende os soños até a vida 

acernando abrentes ermos 

con lampos de fantasía, 

reencarnándose en paixón 

con cada nova fuxida

até os bancais dos pigmentos 

onde nasce a flor da orxía 

teimuda en roubarlle ás verbas 

a éxtase de achar as vías

que han de levala de novo 

até a xénese nativa

que un vello pastor de versos 

nunha arroutada suicida

coa alma adobiando os beizos 

amosoulle en Altamira.

07/04/2018

© 2018 José Vázquez Liste 

Deja un comentario

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.